mércores, 9 de setembro de 2015

martes, 1 de setembro de 2015

Cavernario






"Que para que serve a filosofía? Vouche revelar a cousa máis perigosa que endexamais ninguén, por si soa, poderá desvelarche: medraches aprendendo unha serie de significados convencionais e arbitrarios. Isto quere dicir que a túa vida, que comezou sendo un terríbel accidente, é un campo de minas no que o chan son o costume e a casualidade, e polo cal vas tranquilamente cego mentres cruzas a través, crendo que pisas firme salvo cando ti consideras estar equivocado ou incerto. Con todo, estás no medio dunha guerra, e cada vez que dás un paso en falso de maneira inconsciente, estourar e volverte un feixe de opinións baleiras non é máis que responsabilidade túa. Inxusto? Xustificar os erros é consecuencia lóxica de recoñecer que, como tales, existen. E xa sei que non fuches ti quen puxo iso no chan, pero no noso mundo, as persoas outórganlle unha semántica definida ás cousas que lles interesa dominar. Es unha bóla de carne inocente! Chámalle tradición ao asasinato tácito de milleiros de seres inocentes co pretexto dun motivo material, e se che sae ben, poderás chamarlle apartheid ou carnizaría, e incluílo na patria erma dos pés descalzos. En segundo lugar, unha vez que sabes que pisar é perigoso debes preguntarte: que estou a pisar e por que é tan perigoso? Hai sequera que facelo? Estas cuestións teñen a ver coa natureza e os seus fundamentos últimos. Podes continuar co teu camiño sen un mapa, pero non agardes achegarte á fórmula para sortear os problemas guindando a brúxula ás bombas. E por último, cara onde se supón que camiñas? Esta é a pregunta máis importante para ti concretamente, porque vai determinar non só cara onde vas, senón como tes que facelo, polo cal, é cousa túa por completo. Quizais o teu destino está gravado a lume na túa inocencia, ou con sorte, chégache como unha epifanía a longo prazo, após valorar onde meter a zoca para ter a seguridade de que tes case todas as de chegar algures. Segues preguntándote para que serve isto da filosofía, ou pensas que estou equivocado? Se a túa resposta é firme, positiva ou negativa mais firme, levanta amodo o pé do chan e agarda a que marche de aquí para non vernos máis nunca, e podermos evitar a nosa catástrofe. Agora que vas vendo por onde pisas, fitarás no sitio por un anaco..."