martes, 28 de abril de 2015

Pacto co demo(sexual)





Oxalá soubeses onde gardo
o corazón
cando temes porque os seus latexos se perdan
como as vitaminas
ao espremer o amor e cambialo
por outras bebidas
para outras dores
de cabeza,
cando a miña cabeza
está a buscar no lixo
do meu peito
unha razón ao medo
porque non te afastes
mentres cres que xa estou medio arrepentido
noutra resaca.
Pero se os teus ollos visen
mellor ca o teu corazón sentira
como o sol nunca ve caducarme o aluguer
doutras sabas,
como o teu oco na miña falta de espazo
ocupa co teu espírito agarrándome o inagarrábel
o que non logran ocupar os outros corpos
e que lle dean á física.
Se agora mesmo
tiveras os ollos caendo enriba miña, cambiábachos
pra te achegares ao precipicio polo que te vexo
cada vez que calas e perdes a mirada
cara calquera infinito
para que non te acade,
e así vises a túa totalidade
tachando as miñas feridas,
limando as miñas batallas,
lambéndome nos medos.
E por iso tatuámonos a pegada
do papel asinado con prema
e as ganas de pagar pra sempre a hipoteca
e que non nos despexe o destino mendigar esmolas
doutras caridades inxustas.
Por iso teño os meus latexos
cada noite
en boa paraxe de que soen
malia os teus oídos mailos meus
inventen cada día
os seus propios laios,
as súas propias vítimas,
mais as súas ceas, paseos e brincadeiras
inalienábeis coma os dereitos
de foderse ben,
do mellor amarse
e de quererse a xeito.




Ningún comentario:

Publicar un comentario