Impértérritas vontades,
sangue de inocentes
pisaduras,
suor de auga no ermo
dacotío
de impávido silencio
no negror do propio.
Eu pregúntovos, que
queredes ser? (Libres!)
Isto que de min abrolla
évos roubado
pra o voso lecer doce na procura de
alimento
na fame accidental,
pra os vosos estómagos xordos chocando
nas paredes do instinto de
supervivencia,
aquí, sae a frote a miña voz dun mar
de area
da vosa ira egoísta eternamente
soterrada,
eternamente chea de preguiza na boca
disposta a morrer por non mastigar
o lixo, por non cuspir
a chuvia que nos toca,
por xogar a sermos omnipotencias
na casilla de saída,
move ficha, arrisca a perder a fame
e a te levaren o bandullo
e a que che devolvan a vida,
mais non;
non sexades quen de pedirlle desexos
ao aire
aos medos que vos oprimen no escuro do
baleiro.
E eu pregúntovos, que queredes ser?
(Libres!)
Ollade a través dos cristais o cóncavo
polo ollo cego
a convexión social en manda,
o reflexo idílico
alén de todo fulgor mentireiro,
maxinade o mundo conxugando verbos
de acción en presente,
o subxuntivo para os soños de
almofada,
o imperativo no espello de cara contra
o celme,
o disfrace do eu recíproco,
sente vergonza da ira que non tragas,
estraga máis o odio,
mastiga as túas ás de corvo,
non,
mirade esa cadea que vai do voso
nocello
ao centro da vosa miseria,
lambede a ferruxe coma humanos
sinceros e capaces,
comédevos o eterno retorno
caendo do precipicio da dúbida
que agocha Deus no seu silencio
rodando polas rotondas do mundo sempre
en obras,
sempre en folga de opulencia
dos miserábeis de petos cheos.
Eu, pregúntovos, vós que queredes ser?
(Libres!)
Non! Vós non queredes a gloria
nin o veleno de serpe na ferida,
nin a tesoira nas pólas que cravan
astas
nos vosos froitos inmaturos,
vós non sentades na cadeira de cravos
sen vos pemitir a voz queimada
polo tabaco de cando non vos quixeron
coma o alcatrán ao alento,
vós non queredes ceibar os xenitais
ao albedrío sen etiquetas,
nin procuraredes a acracia
na fortaleza das cordas desanoadas
batendo contra os diques do peso
lóxico
do espazo libre,
do absurdo, mais, do sentido máximo;
dicídeme vós, simples humanos,
que queredes ser? (Libres!)
Erguede as mans, erguédeas
se acaso é ese berro unha ofensa
ao noso propio ollar
palpando coas mans as nosas caras
desfiguradas polo artificio.
Acaso as rúas xa non teñen baleiro que
valla
para as nosas heroicas consignas
e soarán chamadas de liberdade
pra destruírmos a nós mesmos?
Acaso estamos espidas
pra que a nosa pel roce co prexuízo,
pra que o noso silencio finalmente
cale
pra que a nosa voz rebente
o eterno binomio
do que é e do que ten que ser;
haberá saída pra o ollar a través do
ladrillo
pra nos cegar mentres tragamos
as nosas cadeas crebadas,
dixerindo os prexuízos,
abrindo as ás, guindando cerebros,
explotando paredes e conflitos
e poñéndonos libres dende aquí, nós?
E eu pregúntovos, pois,
cal é a natureza do libre?
Vós que queredes ser?
(Libres!).
A liberdade,
é o que vós
queirades que sexa.