xoves, 14 de agosto de 2014

Saudade on the rocks

Quizais
calquera día coma onte
as estacións se estanquen
canda o mundo
e deixe de soprar o vento
e a natureza xa non respire
nin a túa voz se oia
nin as miñas mans escriban.

Ou quizais
nalgún que outro intre
os reloxos se independicen do tempo
e o amor regrese espido e morto de frío
petar na porta da casa
e non cobren a última factura do gas.

E eu
sen caer na filantropía, talvez
o día de mañá
se adormezan os farois das beirarrúas
e os canecos senlleiros teñan intimidade
coa súa sombra infinita
e os corazóns con forzas de contrabando
saian pasear con lanternas.

Oxalá
que cando os cartos xa non vallan
pra que as cousas volvan funcionar
e as máquinas se suiciden por vergonza,
se poñan de moda os agarimos
e o pronunciamento das palabras
e Correos volva recibir
sobres con lapis de labios
e area de praia.

Mais quizais
esta noite coma o xeo acabe
derreténdose neste vaso
das miñas mans cun motivo caloroso
e o mundo xire cara un lado;

e talvez tan só quizais
calquera día coma hoxe
a natureza espirre e sobreviva,
a túa voz me lembre no aire
e volva soprar o vento.



1 comentario:

  1. Non sabía que escribías tan ben! Fágome fan das túas verbas <3

    "e Correos volva recibir
    sobres con lapis de labios
    e area de praia"

    Un bico dunha pesada xD

    ResponderEliminar