luns, 16 de xuño de 2014

Domingo de abstinencia (I)

Quixera facerte miña
Se iso non fose
A liberdade do revés;

Así que cando queiras
fai de min
A nosa loita.

domingo, 15 de xuño de 2014

Autodiagnose psiquiátrica, enésimo día 1


E se nunca ninguén me comprendese? Acharía entón a verdadeira definición da tolemia? Cando me fago esta pregunta teño que lembrar antes que a sociedade reproduce como unha película de sobremesa a mesma propaganda estrutural para que a xente non se saia da liña. Cada día soben ás redes sociais frases adolescentes que se senten incomprendidas, mais demos un paso máis e asumamos a postura do adulto incomprendido, quen sabe se, igualmente pueril na súa ignorancia, eternamente condenado á marxe dos renglóns por onde a corrente da sociedade flúe rúa abaixo, caendo silandeiramente ao cemiterio no que mártires, prostitutas e herexes perderon a vida polo tobogán escuro do alleo. Dalgún xeito, compartimos o mesmo berro como un himno afónico para conmemorar intimamente a nosa loita. Todo sentido que puidese ter a nosa existencia neste mundo, rexido por un espectro de normalidade, non sería outro que marxinar aos millóns de persoas aburridamente correntes que desprezan todo aquilo que non comprenden, ou lles daría vergonza expresar por mor do orgasmo superlativo que lles suporía pronunciar a palabra "liberdade" coa boca tan aberta. Dedúcese ben que os incomprendidos crónicos temos que nos resignar darwinianamente á actitude remisa que a xente teña cos orgasmos puros. O que máis me molesta quizais sexan as marcas que me deixa a máscara cando sen decatarme me poño a aparentar, como castigo por deixarme levar por algunha simpatía de plástico, mais se non fose polo vagabundeo que me traio outro galo cantaría nalgunhas voces que opinan, desexándonos desangrarnos para supurar nonseique burato das súas personalidades cativas. Supoño que iso fai feliz a calquera, se non indiferente. Mais na indiferenza, ninguén fai moito ruído. Xa volo dixen: a normalidade é aburrida, tanto ou máis que a soidade onanista e claustrofóbica, e por desgraza, a mellor solución que o ser humano lle atopou a iso foi mesturar o peor de ambas. Así e todo, escollemos entre a soidade sincera que nos abafa, ou a sociedade hipócrita que nos afoga.