luns, 19 de maio de 2014

Domingo de narcos (IV)

Acórdame pensarte e que me esqueza
as noites que algún día nos fixemos,
os intres que nalgures recoñeza
das vidas que noutrora, nós quixemos.

"Es ti o mundo raro que me afasta
do ruído que acredito como alleo.
É vida cando esquezo que nos falta
teimarnos por ficar lonxe do ceo."

Vai frío des que oio o teu silencio
guindarme polas costas o seu berro,
cravando paseniño un outro aprecio.

Non doe como a vida o teu suspiro
agora xa sen aire e tan baleiro,
os últimos recordos que respiro.




venres, 9 de maio de 2014

Mais outro día máis

Ás veces dáme por rachar o peito
Cando non está mirando naide
E sacar pra fóra o alquitrán
Que fun tragando polo día

Entón apaño certa dor enferruxada
E coa man outra
Vou chuzando ao chou a ver se cadra
E así despois supuren líquidas mágoas
Por todos os buratos da culpa;

E así paso os insolentes días
Finxindo o meu asasinato por disque un ego
Con mala puntería.



luns, 5 de maio de 2014

Domingo de narcos (III)

Perdinme no teu ser
Por non perderme
No nada

Que é algo de autodestruírse
E alleo ás vontades cansas
E ás consignas mudas,
E hoxe o mundo
É algo peor
Ca onte;

Mais onte
Non sabía coma hoxe
Canto eras ti e toda.