domingo, 17 de novembro de 2013

Redundante mais pero

E cando mañá resultou ser hoxe, descubrimos que sempre foramos tan pobres como nunca fomos felices, e gardamos da distancia os intres en que veu a xente nova, de cando os primeiros acordes, do núcleo de satisfacción no bandullo despois dunha conversa co sexo oposto, ou do sabor a vitoria de chegar á casa á unha da tarde por motivos persoais e universitarios. E os relatos cativos, as tachas con poemas e os libros rotos de existiren e non se ler foron onte escritos para seren hoxe expropiados do seu contido, dentro do colofón absoluto dun día que foxe abafado do calendario e levarase trescentos millóns e medio de bicos que non foron dados, oitenta mil catrocentas vinte e seis e pico esmolas e algunha que outra aperta, cincuenta e catro milleiros de desculpas ocupas procurando aluguer fóra das cordas vocais, catorce mil coma dous orgasmos mal tirados en segredo, e unha inchazón ecuménica socializada individualmente en cada peito. E así e todo os oídos para os latexos postos nos reallities, e nos ollares silandeiros aos dormitorios improvisados dos caixeiros.


E cando hoxe foi mañá resultou ser hoxe, os berros inocuos formaron parte do recordo e aprendemos a chorar. Que preguizosa dor. E agora chove por todas partes, 


e o outono que non dá chegado.


Ningún comentario:

Publicar un comentario