martes, 8 de outubro de 2013

Tempo ao tempo

Aínda que nunca cho diga
eu tamén perdo a vida de cando en vez
e toleo cando descubro outra vida no retrovisor
empañada polas bágoas daqueles días esquecidos,
o reflexo daquel neno percorrendo as sombras
papando o frío dos seus propios pasos
que naufragaron nas beirarrúas do mundo,
as que nin sequera esperaban seren pisadas
por alguén tan normal coma el, como o medo parasitando xente
con demasiada présa para vivir,

pouco valor para acabar co medo
para atopar respostas
para entenderse
para seguir

e seguir
seguindo.

A soidade en estado puro
rodeada de pupitres e voces para as cefaleas

drenando unha morea de ideas inconexas,
vomitándose por riba dos zapatos.

Sairei sen ti esperándome
ao igual que non me esperabas
ningún día dos que sen saberte
eramos dous descoñecidos,
tal que hoxe o un do outro
polas costas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario