venres, 4 de outubro de 2013

Aceptación

Eu ben sei que de cazar ás noites
agochando estrelas e inventando lúas
non xorden das miñas hostias nos cadrís muiñeiras
que acompasen unha a dúas os teus pasos
de entre as sombras que perante veñen
maxinarme que es licántropa tolemia,
mordedela de fame e esperanza
que vén mendigarme vinte e nove días de lúas imperfectas,
malvivindo da sede mitigada polos charcos de experiencia
de costume e dor
e fame;

non será a noite quen me limpe a boca
o ferruxe de cuspir os solpores polos ollos
o sabor da soidade destilada
sentado nun recanto perdido dunha azotea
ollando os arboredos de humanidade inerte
e verdores alleos aos malditos seres humanos sen importancia.
Non serás ti a reloxeira
que me abra en canle do corazón á alma
e me limpe a nicotina que investín cando as túas agullas
ían cara atrás vertixinosas
reinventando a miña menciña máis noxenta e preferida,
como tampouco reporás ledicias
no canto de cicatrices obscenas
no meu corazón sen corda
sen cuco e sen melodía,
o núcleo do natural vivir
encarcerado no manicomio escuro do meu peito
paredes herméticas para os berros fútiles
de lembranzas excretadas
pola estridente voz do neno
da habitación das bágoas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario